Ola, son Silbina, se queres saber máis sobre min, ven e descobre a excelente despensa que abastece a todos os fogóns deste territorio
Ola, son Silbina, unha moura que habita na caracocha dun castiñeiro centenario como os que podes atopar nos bosques deste lugar. Vivo entre a ribeira e a alta montaña, entre a tradición e a vangarda. Represento o espírito de toda a oferta gastronómica e de restauración, así como a produtores e transformadores agroalimentarios do territorio Sil-Bibei-Navea.
Quero convidarche a degustar os exquisitos pratos preparados coas prestixiosas carnes da gandaría da zona, os embutidos curados na montaña e os queixos elaborados con mimo e detalle. Proba as infinitas posibilidades da castaña en todas as súas formas: asadas, cocidas, secas… Acompáñaas cos viños do D.O. Ribeira Sacra e de sobremesa pide bica ou montonico mentres gozas dun auténtico licor café ou de licores tradicionais como o de herbas ou froitos.
Se queres saber máis sobre min, ven e descobre a excelente despensa que abastece a todos os fogóns do territorio e motiva a celebración de varias festas gastronómicas que enxalzan e festexan a fortuna de contar cunha cultura gastronómica, aceno de identidade de xeracións pasadas, presentes e futuras.
Levo aquí miles de anos e vin pasar varias culturas, os celtas, os romanos, que xa gozaban dos nosos manxares e viños, e despois deles, a turbulenta Idade Media, coa cultura relixiosa e a construción de impoñentes edificios relixiosos, como os mosteiros de Sta. María de Montederramo ou o de Sta. Cristina de Ribas de Sil que aínda podes visitar, ou fortificacións como o castelo de Castro Caldelas.
Quizais todos eles viñeron atraídos pola beleza deste territorio, rico en bosques de castiñeiros, carballos, bidueiros… e nos froitos que nos regalan. Ou por ser un lugar de ribeiras, alta e media montaña, ideal para a cría de gando bovino, ovino ou porcino de gran calidade. Ou pola graza de estar bendicido por tres fántasticos ríos como son o Sil, o Navea ou o Bibei, e en cuxas ladeiras se descolgan as máis antigas cepas, nais de espléndidos viños.
Goza como eu de ancestrales tradicións culturais convertidas en festas, como o entroido, particularmente representado por personaxes como os Boteiros de Vilariño de Conso e Viana do Bolo e a Mázcara de Manzaneda. Descobre a nosa gastronomía participando da “Festa da Pisa da Castaña”, de Parada de Sil, única en Ourense, ou da Festa da Bica de Pobra de Trives, entre outras.