Montederramo, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río
Montederramo, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río
Comezamos a ruta no concello de Montederramo, visitando o mosteiro cisterciense de Santa María de Montederramo, un dos monumentos renacentistas máis importantes de Galicia. Como patrimonio histórico tamén podemos visitar o cruceiro de pedra de Marrubio, a ponte de Vilariño Frío e outras arquitecturas relixiosas como o peto das ánimas de Vilariño Frío, os cruceiros de pedra de San Xoán de Chas e Santiago da Medorra, así como diversas igrexas parroquiais.
Neste mesmo concello tamén se poden facer dúas rutas de sendeirismo, a Ruta do Santo e a Ruta do Bidueiral.
Dende Montederramo dirixímonos a Chandrexa de Queixa, concello onde se atopa a Serra de Queixa e polo que discorre o río Dorelle formando unha paisaxe de fervenzas de ata 10 metros de altura. Recomendamos facer unha das rutas que vos propoñemos e gozar desta paisaxe:
- Ruta do río Dorelle
- Ruta circular San Cristovo-Fonteita
- Ruta do Seixo
- Ruta dos glaciares
- Ruta da Queixeliña
- Circunvalación encoro
Ademais do sendeirismo neste municipio, podemos visitar algúns recursos turísticos como a ponte da Previsa, o Muíño dos Peila, a área recreativa de Cardiego, a fervenza de Dorelle ou a área recreativa do Rabal, conxugando así historia e natureza.
O municipio está bañado polo encoro do mesmo nome, no que podemos realizar actividades náuticas como o piragüismo.
Para os amantes do patrimonio histórico, podemos continuar a ruta en San Xoán de Río, onde podemos visitar numerosas igrexas e ermidas, así como os miliarios romanos (columnas de pedra que se colocan nos laterais das vías romanas para indicar a distancia, cada 1.481 metros), ou a Ponte Navea, ponte da Vía Nova ou Vía XVIII da Ruta Antonina.
Non podemos saír deste territorio sen probar os seus produtos autóctonos e típicos.
Por unha banda, o mel, recomendando unha visita a Mel Sabor da Serra, e ,por outra banda, carne de Gandería Galupa onde se cría gando vacún da raza Limousin en liberdade.