Nogueira Conde
HISTORIA
Marcos Conde, de 43 anos, e Miguel Nogueira, o seu sogro, exemplifican o boom que está a ter a apicultura na montaña de Ourense nos últimos anos, favorecido polas boas condicións de flora da zona e polos elevados prezos que está a conseguir no mercado o mel galego de calidade.
No seu caso comezaron en 2014 comprando 5 colmeas e hoxe contan con 250 en produción repartidas por 9 apiarios, situados fundamentalmente no concello de Manzaneda, pero tamén noutros limítrofes como San Xoán de Río e Pobra de Trives.
O mel Nogueira-Conde busca conservar as propiedades naturais, pondo no mercado un mel multifloral e sen pasteurizar, sendo o único proceso ao que se somete a extracción mecánica, o decantado nun bidón durante uns 15 días e o envasado.
A comercialización realízana por dúas vías: a venda a granel, neste caso á empresa Apícola González Carballal, de Ourense, uns 2.500 quilos, cuns prezos que o ano pasado conseguiron os 5 euros máis IVE o quilo, e a venda directa do mel envasado, cun límite de 1.000 quilos que establece a normativa de venda de produción primaria da Xunta de Galicia, ao non tartarse de apicultores profesionais.